O Programa Retorna Talento FP 2026 é unha iniciativa oficial da Xunta de Galicia dirixida a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e formarse nunha profesión con alta empregabilidade.
O noso centro foi designado como referencia autonómica para impartir o Ciclo Medio de Construción dentro da modalidade FP Dual Intensiva, combinando formación na aula e prácticas remuneradas en empresas do sector.
Programa Retorna FP 2026 – Ciclo Medio de Construción
- 20 prazas exclusivas para persoas beneficiarias do programa.
- Prácticas remuneradas durante ambos os cursos (≈ 660 €/mes alta na Seguridade Social).
- Bolsa de ata 15.000 €, destinada a viaxe desde o país de residencia, aloxamento, manutención e cobertura sanitaria.
- Duración: 2.000 horas (dous cursos académicos).
- Titulación obtida ao finalizar: Técnico/a en Construción.
Unha contorna privilexiada para vivir e formarse
O CIFP de Cantería de Galicia está situado en Poio (Pontevedra), en pleno corazón das Rías Baixas, unha das zonas máis recoñecidas de Galicia pola súa calidade de vida, o seu clima suave, a súa gastronomía e o seu patrimonio natural e cultural.
Pontevedra destaca por ser unha cidade moderna, segura e premiada internacionalmente polo seu modelo urbano. Galicia, terra de acollida e raíces profundas, ofrece un marco ideal para quen desexa regresar, reconectar e construír un futuro profesional sólido nun sector en crecemento.
Máis información na web da Consellería: https://www.edu.xunta.gal/fp/retorna-talento-fp-2026

